martes, 1 de noviembre de 2011

A trabe de ouro e a trabe de alcatrán

Na parroquia de Vilariño, en terras do Pereiro de Aguiar, existe unha rede de pasadizos subterráneos que unen os restos do monte dun castro coas ruinas dun castelo.
Conta a lenda que estes túneles están habitados por un "mouro" ou trasno que agocha alí un tesouro inmenso, rico en pedras preciosas e xoias de ouro, que ten tentado a  moitos a procurar a entrada ós pasadizos. Sen embargo, a lenda advirte ás xentes da existencia de dúas trabes que sustentan todo o conxunto de túneles e cuxa disposición constitúe unha trampa para aqueles ousados que vaian na busca do tesouro.
Nos arredores houbo un mozo que tentou chegar ás riquezas que estas covas gardaban e que contou ós veciños como conseguiu atopar a entrada ós pasadizos. Despois de camiñar un anaco por eles atopou unha sala sustentada por unha gran trabe de ouro e outra escura, que segundo lle pareceu estaba feita de alcatrán. O enorme valor da trabe de ouro cegou o bo sentido do mozo, que axiña tentou tirala para fóra do seu lugar e levala consigo, sen decatarse de que cando comezou a tirar por ela accionou un resorte preparado polo "mouro" que fixo que o lume prendese na veciña trabe de alcatrán.
As lumaradas foron tais no interior da cova que o mozo só conseguiu saír dos pasadizos logo de arrastrarse polo chan, seguindo unha corda que levaba á cintura e que deixara atada fóra nun penedo.
Pouco antes de que a trabe de alcatrán que sustentaba o teito dos pasadizos fose consumida polas chamas e a cova comezase a dderrumbarse, o mozo lograra saír para o exterior. Sen embargo, para él todo semellaba aínda o interior do máis escuro dos túneles, decatándose de que o lume da trabe de alcatrán que ardera tan próxima a el o deixara cego.
Aínda que feitos como este disuadiron a moitos de procurar a fortuna do tesouro, algúns dos máis maiores do lugar aínda confesan que de mozos pasaron días escavando e tentando atopar a entrada ás covas.
No mesmo sitio no que se conta esta lenda foron atopados restos dun castro e dunha importante inscripción que rezaba unha breve lenda: "sicenata percata", e que algúns teñen interpretado como conmemorativa da victoria romana do castro do Medulio, suxerindo a algúns o seu emprazamento na zona.

No hay comentarios:

Publicar un comentario