lunes, 23 de abril de 2012

Martires de Carral

Se coñece como os Martires de Carral aos militares sublevados en varios lugares de Galicia en 1846 contra o presidente Narváez.

¿Porque se sublevaron?
Durante o reinado de Isabel II, a Década Moderada foi un período no que o Partido Moderado exerceu o control do réxime político, desenvolvendo unha versión conservadora do liberalismo. O xeneral Narváez foi o home forte da década, caracterizada polo recorte das liberdades e os dereitos, así como pola centralización administrativa.
O 2 de abril de 1846 sublevouse en Lugo o segundo batallón do Zamora, dirixindo a sublevación o coronel Miguel Solís, o cal proclamou a disolución do Consello Provincial e a Deputación. Cando a situación xa estaba baixo o control dos insurrectos en Lugo, Solís dirixiuse aos seus soldados. Aquí está o final do seu discurso:

Gallegos: españoles todos: ¡Viva la Reina libre!, ¡Viva la Constitución!, ¡Fuera extranjeros!, ¡Abajo el Dictador Narváez, ¡Abajo el sistema tributario!

¿Triunfou a sublevación?
O xeneral Narváez enviou tropas baixo o mando do xeneral Gutiérrez de la Concha para recuperar o territorio. O día 23 de abril comezou a batalla de Cacheiras, entre as tropas de Madrid e as galeguistas de Solís, que foron derrotadas. A gran superioridade das tropas do goberno central fixo inútil a resistencia.
Solís refuxiouse nun primeiro momento en San Martiño Pinario, pero entregouse esa mesma tarde. Foi xulgado tres días despois en Carral, nun xuízo sumarísimo, e condenado a morte xunto cos seus compañeiros sublevados. O medo á reacción dos seus simpatizantes explica que o xuízo tivese lugar en Carral e non en Santiago ou na Coruña.
Ao serán, o coronel Solís foi levado ao adro da igrexa de Paleo, onde foi fusilado. O comandante Víctor Velasco e dez oficiais máis foron pasados polas armas na Fraga do Rei, entre Carral e Paleo, e foron enterrados no día seguinte no cemiterio de Paleo, sen que se escribise sobre as súas tumbas inscrición ningunha. O párroco, que presenciou o fusilamento, na acta de defunción engadiu: "Espectáculo horroroso. Triste Memoria". Naceron así os Mártres de Carral e, para todos os efectos, este alzamento contra a opresión central considérase o espertar do galeguismo e a reafirmación dunha identidade perfectamente diferenciada do resto da península. A partir de aquí, comezou a manifestarse un pensamento, unha cultua e un sentimento eminentemente galeguista, do cal os máximos representantes non tardaron moito en tomar relevancia.                                                       Como símbolo desta batalla de Cacheiras, aparecen no escudo de Teo dous sabres cruzados sobre a ponte, na parte media do mesmo.


Monumento aos mártires de Carral

No hay comentarios:

Publicar un comentario